La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De todas as cidades que visitei na miña vida, unha das que gardo mellores recordos é Leningrado, que agora se volve chamar San Petersburgo. Estiven alá no ano 1982, invitado polos escritores soviéticos. A pesar de que foi unha visita breve, quedáronme dela moitas imaxes e lembranzas. Recordo, por exemplo, unha cea no Astoria, que os meus colegas me quixeron dar avisándome previamente de que ía facer unha cousa que Hitler non conseguira facer, pois nunca ceou alí, aínda que o tiña anunciado.

Teño tamén moi vivas na memoria as horas que pasei no hotel Europa, tan ben conservado que era posible percibir no aire dos corredores o paso de bolboreta de Isadora Duncan, que alí viviu unha louca paixón co poeta Serguei Esenin, o cal se suicidou pouco despois, precisamente nun cuarto do Astoria.

Acórdome igualmente das noites brancas, aquel soño infantil, por fin realizado, de que fose sempre día para non ter que ir á cama. E logo os museos ou a visita ás tumbas dos tsares, incluída a de Catarina, ou a casa de Dostoievski. Un amigo acábame de enviar agora unha guía preciosa de San Petersburgo, chea de fotografías espléndidas. Estiven lendo e mirando nela ata moi tarde, de madrugada. En realidade foi como repetir a viaxe. Sobre todo porque despois soñei que paseaba pola Avenida Nevski.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de maio de1996 .