La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O sábado, algúns dos escritores e profesores que asistimos ao Simposio que se celebrou estes días na Universidade de Londres decidimos achegarnos aos locais do Centro Galego, no barrio de Kensington, para seguir a través do canal internacional da televisión española o partido de fútbol. Non se collía. Unha multitude apiñada e suorenta foi seguindo con nerviosismo crecente o que o paso acelerado do tempo facía cada vez máis difícil. Á final, choraban os nenos, choraban os vellos, era a desolación completa.

Un rapaciño sobre todos os demais non quería nin podía ser consolado. Sentado contra unha parede, desatendía unha e outra vez os requirimentos dos pais para que se fose tranquilizando. Eu achegueime a el coa intención de dicirlle unhas palabras. Era inútil. Por un momento pensei con que cara entraría na escola o próximo luns.

Saímos de alí en silencio e fomos comer un bocado a un restaurante do centro da cidade. Pouco a pouco, a conversa derivou cara aos temas de sempre, esquecidos da decepción que acabamos de pasar. O camareiro que nos atendía, un rapaz noviño e agradable, despois de servirnos a cea, quixo saber de que país procediamos. Cando soubo que viñamos de España, felicitounos cordialmente pola vitoria do Barcelona na liga. Era tan amable que nin sequera nos preguntou por que nos botamos a rir daquela maneira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de maio de 1994.