La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dar unha conferencia no Salón de Cent, no Concello de Barcelona, impón un pouco, como se un se sentise obrigado a falar, sen profanala, coa beleza daquel lugar histórico, tan imponente. Saín do trance como puiden, pero paseino ben. Gustaríame saber como o pasou o público, pero iso nunca se sabe. Despois da charla, durante o ágape que nos serviron, achegouse unha rapaza para que lle firmase nunha servilleta. A ela, polo menos, non lle debeu parecer mal a charla, pois dábase a circunstancia de que a servilleta que me presentou estaba chea de graxa e un pouco de carmín. Entendín o xesto como un eloxio e quedei completamente tranquilo.

Logo veu a cea con oito persoas nun restaurante agradable. Non recordo o que comemos, porque pasei todo tempo escoitando a unha amiga alemá, a quen quero moito, coa que había bastante que non falaba. Encántame a súa sintaxe, o seu acento e os seus erres, que me recordan os que pronunciaba un dos meus fillos cando era pequeno.

Cheguei ao hotel tarde, con pouco tempo por diante para durmir, cousa que non me importa demasiado. Nunca entendín a esa xente que necesita oito horas. Desde rapaz, raramente durmín nunca máis de cinco, quizais porque a noite me gusta máis que o día e porque na madrugada me funciona a cabeza mellor que no resto da xornada. Cando eu era neno e o meu pai pensaba que era algo parvo, con frecuencia, mentres daba voltas na cama, ocorríanseme uns discursos preciosos, dirixidos a el, pero ao día seguinte non me saía nada e volvía ser un rapaz un pouco apalominado. Onte, no hotel, só tiven unha idea feliz: darme conta a tempo de que para durmir pronto é mellor apagar a luz.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de maio de 2000.