La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un momento, cando me ía sentar para escribir o artigo de hoxe, chamáronme por teléfono para que dixese cal é a miña palabra galega predilecta. A min, este tipo de preguntas déixanme desconcertado porque non sei que responder. En cuestións lingüísticas son bastante normal, aínda que teño os meus principios. Por exemplo, cústame moito escribir “marabilla” con “b”, que é o correcto, son incapaz de utilizar a palabra “subhasta”, en vez de “subasta”, e non me sinto cómodo falando de “avaliacións”, “orzamentos” ou “titorías”. Xa sei que todas esas formas están perfectamente xustificadas, pero un ten as súas manías.

Unha vez, como xa contei noutras ocasións, don Vicente Risco pediume que agardase por el antes de marchar do café. Resulta que eu estivera falando cun señor a dous metros de don Vicente, que debeu de escoitar a conversa, porque o que me quería dicir era que tivese coidado con aquel individuo por unha razón: “Ten coidado con ese home, que é dos que empregan a palabra ‘impacto’”.

Cada un ten as súas teimas. As miñas están máis en negativo que en positivo. Non me gustan as complicacións nin os circunloquios nin as palabras raras. Tampouco os tópicos. Houbo unha época na que nos periódicos, cada vez que se citaba a central obreira de Bolivia, púñanlle diante o adxectivo “todopoderosa”.

Aínda hai pouco, lendo un conto dun escritor a quen estimo, sorprendeume que escribise unha frase tan parva coma esta: “Chamoume poderosamente a atención”. Nisto de escribir pásame o mesmo que coa comida: aborrezo as salsas, a non ser o aceite cru. Por suposto que entendo que haxa outros gustos. Aquí falo dos meus.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de maio de 1998.