La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese señor Microbio do que falei onte, xa dixen que aceptaba a súa nomeada sen enfadarse. En realidade, algúns apelidos naceron de alcumes como este. Por iso moita xente os asimila tan ben, tanto que algunhas persoas, cando morren, aparecen nas esquelas cos alcumes polos cales foron coñecidas en vida. Aínda hai pouco, eu vin un destes anuncios fúnebres no que figuraba, detrás do nome e os apelidos do defunto, que era carniceiro, o alcume de Talladas, seguramente para que o puidesen identificar.

Non sei de que depende a aceptación ou o rechazo destas cousas. En Santiago, o Hola Que Tal, polo que me contaron, non protestaba. Na miña vila tamén o levaban bastante ben o Cero Quince e o Seis Reás. En cambio, o Sabidilla irritábase cada vez que llo dicían, razón dabondo para que llo dixesen moito.

Dos meus tempos na escola, ao Celsito Culinó non lle importaba nin ao Abisinio ou ao Roncollo; en cambio, o Zirallo facía do seu alcume un caso de guerra. Eu estou convencido de que estes nomes, cando están ben postos, non hai maneira de borralos, pois forman parte dun mesmo, igual que a estatura. Ademais, co paso do tempo, poden perder todo rastro de infamia, como sucedeu co apelido Ladrón de Guevara, hoxe moi ilustre. Claro que hai algúns que son difíciles de arranxar. Por exemplo, Inchavacas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de maio de 1996.