La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, cando regresaba de Santiago a Vigo despois de participar nunha tertulia radiofónica, un amigo veume falando no coche do seu interese pola historia española do século XIX. Está escribindo unha novela sobre o xeneral Prim, que como se sabe foi asasinado en Madrid, na rúa do Turco, moi cerca de Alcalá e nas proximidades da praza da Cibeles. Ese foi un dos temas da nosa conversa, en parte porque o citado amigo coñece moi ben aquel episodio e a min sempre me gustaron esta clase de historias. Por iso aproveitei a ocasión para facerlle preguntas e aclarar algunhas circunstancias dun suceso que no seu tempo conmocionou a toda España.

Por exemplo, eu non sabía onde estaba a rúa do Turco. Agora sei que actualmente se chama Marqués de Cubas, ben coñecida porque na súa esquina con Alcalá se atopa o despacho central dos ferrocarrís. Foi alí onde dous coches lle atrancaron o paso ao coche do xeneral, acción perfectamente organizada que lle permitiu aos pistoleiros, comandados por Paul Angulo, cometer o atentado.

Como a viaxe non durou demasiado, apenas me quedou tempo para preguntarlle pola personalidade do asasino, un exaltado, mestre da bronca e a inxuria, un desgraciado. Con todo, aínda que non falamos case do personaxe, o meu amigo deume un dato de maior interese: resulta que el coñece persoalmente os dous parentes máis próximos que quedan entre a descendencia do asasino e o asasinado, e que son amigos. Un deles, o descendente de Angulo, ata se permite facerlle bromas ao parente de Prim: “¡Non me amoles, que che pego un tiro!”. Non está mal, pero ninguén poderá redimir nunca a Angulo de pertencer á estirpe dos que matan.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de maio de 1998.