La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Ese neno italiano de sete anos que pretendía matar ao seu irmán pequeno para ser malo, a min paréceme un infeliz. En primeiro lugar, polo método elixido: levouno ao campo, sentouno nunha pedra cun camión de xoguete na man para que non se fose, deulle un bico de despedida e logo apartouse uns metros del para pedirlle a Deus que o levase para o outro mundo porque si, sen mancalo nin causarlle ningún outro mal. En vista de que o método non funcionou, recolleu á vítima e foi á policía a confesar o seu crime.

A causa de todo é moi simple. O rapaz, considerado polos profesores como un alumno exemplar, con notas excelentes e comportamento de querubín, estaba farto de que ninguén lle fixese caso, que os compañeiros lle chamasen parvo e non quixesen xogar con el, mentres que o rei da clase era un neno ruín, túzaro e mal estudante.

De momento, os pais, aconsellados pola xente que entende desta clase de problemas, decidiu trasladar o rapaz a outra escola e libralo así do mal exemplo e do ambiente que tan negativamente influíron nel. Non sei se fixeron ben, pero teño a impresión de que a medida non lles vai servir para nada. Como malo, este pequeño vai ser sempre unha calamidade, de maneira que non había perigo de contaminación. Se acaso, eu faría outra cousa: convencer ao infeliz de que para ser un malvado non fai falta matar a ninguén.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de maio de 1996.