La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte, cando falei aquí de Pepe Suárez, magnífico fotógrafo e excelente amigo, decateime de que está xa moi esquecido. Foi, con todo, un artista de categoría extraordinaria, con dimensión internacional. Por fortuna, gardo na miña casa un regalo co cal me obsequiou alá polos anos sesenta, un dos célebres retratos, tantas veces reproducidos, que el lle fixera a Unamuno en Salamanca e do que preparou un revelado para min. Esa fotografía, que segue enmarcada tal como el mesmo ma entregou, sérveme para recordar e ter presente o vello amigo, tantos anos despois da súa morte. Non ma quixo firmar e botoume unha bronca por pedirllo.

Xa dixen onte que tiña moi mal xenio. Nin a súa exquisita educación, co porte elegante dun aristócrata inglés, conseguía frear os arrebatos de ira que o acometían ás veces, sempre por asuntos menores. Nunha ocasión, mentres agardabamos nun café para ir ao cine, entrou un mozo para aconsellarnos que foramos ver unha determinada película, da que dixo que tiña moi boa fotografía. Chamoulle cretino.

Con ese motivo, cando lle preguntei por que lle parecera tan mal aquela recomendación, deume unha das mellores leccións de arte que recibín na miña vida. Díxome sinxelamente: “No bo cine, a fotografía non se nota”. Eu paseino ao meu oficio, formulado máis ou menos así: na boa literatura, a lingua tampouco se debe  notar. A aguda reflexión de Pepe Suárez parece contradicir esa idea antiga de que a cólera escurece a mente aínda que faga transparente o corazón. No seu caso, non obstante, incluso irritado, Pepe discorría moi ben. Polo que respecta ao corazón, levábao na man. Un día díxome por que lle sangraba tanto. Era cousa dun amor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de maio de 1999.