La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven toda a tarde de onte cun escritor bosnio, Admiral Mahic, que vai pasar un par de meses en Galicia. Saíu do seu país hai case un ano, despois de que unha granada asasina acabase coa vida da súa moza, no medio dunha rúa, en Saraxevo. Primeiro estivo en Italia, logo foi a Alemaña e agora mesmo vén de Suíza. As estritas leis sobre inmigración vano convertendo pouco a pouco nun individuo trashumante, acollido a unha hospitalidade burocrática e administrativa, con prazos estritos, sen prórrogas posibles.

Pasamos varias horas sentados arredor dunha mesa, ao aire libre, bebendo unhas cervexas. Chamoume a atención que xogase tanto cos cans e que os soubese tratar con tanta arte e agarimo, proba evidente de que tiña experiencia con esta clase de animais. Cando llo dixen, contoume que o del o matara un francotirador.

Foron as únicas referencias que fixo á guerra. Supuxen que non quería recordar; eu tampouco lle fixen preguntas. Limitámonos a evocar algunhas cidades italianas que os dous coñecemos e que nos gustan e a divagar sobre tres ou catro libros que estimamos… Ao chegar a noitiña, cando o fresco empezaba a ser molesto, entramos na casa. Entón, díxome: “A vida, aínda que só sexa tomar unhas cervexas, paréceme unha marabilla. Supoño que para ti non terá tanta importancia”. Supoño que o tiña esquecido.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de maio de 1995.