La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando eu vivía en Cangas, alá nos anos setenta, falaba moito cun médico divertido, algo atrabiliario e sarcástico. Isto quere dicir que era intelixente e un pouco amargado, pero moi boa persoa e moi xeneroso. Bebía bastante e estaba obsesionado con Ronald Reagan. Considerábao estúpido, unha valoración que nos enfrontou nun par de ocasións, pois sen que eu tivese unha grande opinión do personaxe, custábame aceptar que fose parvo; daquela xa se perfilaba como futuro presidente dos Estados Unidos.

Vén isto a conto porque onte, nun programa de radio, escoiteille dicir a un señor, experto en cuestións políticas, pero moi dominado por un afán evidente de parecer orixinal e difícil de contentar, que nas eleccións que se van celebrar no Reino Unido non gañará o guapo Tony Blair, senón que perderá o mediocre John Major.

A verdade é que non se trata dunha opinión demasiado brillante. Iso mesmo se dixo ducias de veces en ducias de situacións parecidas obre ducias de candidatos. Se do que se trataba era de ser agudo, o opinante citado tiña un bo recurso ao alcance da man. Precisamente, cando Ronald Reagan gañou as eleccións de 1980, un comentarista americano dixo o mesmo: que non as gañara el, senón que as perdera Jimmy Carter. Alguén replicou: “Se Reagan non chega a ter opoñente, seguro que perdía”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de abril de 1997.