La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Case me dá vergoña contalo. Onte estiven en Madrid para presentar, xunto con Camilo José Cela, o curso de verán que se organiza tódolos anos na súa fundación, en Iria Flavia, pero tamén para verme cun señor alemán que coordina desde España o tren dos escritores europeos. Nese tren, que sae de Lisboa o día 2 de xuño, iremos un grupo de colegas de toda Europa para viaxar, durante mes e medio, ata San Petersburgo, e rematar despois en Berlín. Cincuenta días dun lado para outro, facendo paradas aquí e alá, e participando en conferencias, mesas redondas e coloquios en televisión.

Tan fermoso que resulta ofensivo. Eu non sei a quen se lle ocorren estas cousas, pero estou seguro de que o pai da idea non ha de ser ningún dos corenta privilexiados que imos compartir tan excitante aventura.

Detrás do telón do mundo relacionado coa literatura, hai sempre xente xenerosa que converte isto de escribir nunha festa que se parece moito a un conto ou a unha novela. De maneira que, a partir do día sinalado, cando saiamos de Lisboa en dirección a Rusia, ireilles contando aquí, aos que teñan a paciencia de seguir aturando esta columna, as incidencias da viaxe. Xa merquei una libreta bonita onde ir anotando, como se fose un diario, todo o que ocorra. Naturalmente é un dicir, porque supoño que non se poderá contar todo, non vaia ser que, ao final por culpa miña, o periplo ferroviario acabe sendo un remedo dese programa de televisión que trae preocupada a media España. Cincuenta días de tren dan moito de si, desde amores ata pelexas, pero do que se trata é de contar o que sexa realmente importante. E o importante case nunca resulta atractivo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de abril de 2000.