La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai un par de días chamáronme da radio para preguntarme algunhas cousas sobre o día do libro, pero no transcurso da entrevista, o condutor do programa deume a noticia de que a policía sueca tiña atopado en Estocolmo, nas inmediacións da ponte Wassa, por onde eu pasei tantas veces, a pistola coa que mataron a Olof Palme. Con ese motivo, falamos do asunto e eu dixen que me alegraba moitísimo, pois no caso de que a noticia se confirmase, podía resolverse por fin un crime que conmoveu o mundo e que, tantos anos despois, segue impune. Aínda que os suecos supoñen con fundamento quen foi o asasino, este paséase tranquilamente polas rúas.

Recordo perfectamente que un día despois do magnicidio, escribín neste mesmo periódico un artigo no que dicía que o peor daquela morte absurda era que, con toda probabilidade, o autor había ser calquera estúpido, movido quizais por razóns non menos bobas. Non sabía daquela que ía ser tan certo o que pensaba. Cando vin o acusado na televisión, durante o xuízo, quedei asombrado do personaxe.

Era un pobre alcohólico, cun coeficiente intelectual de mosquito, pero co instinto de supervivencia animal en perfecto estado de alerta. Foi o que o salvou. Con todas as probras en contra, beneficiouse do principio democrático que prefire deixar escapar un criminal antes que condenar un inocente, aínda que a inocencia estivese collida polos pelos, por poucos pelos. E segue, porque a pistola encontrada non é a do crime. Vese que o autor dos feitos tivo intelixencia dabondo para agachala ben. Como a conciencia non debe mordelo demasiado, o crime pode non ter solución. E o Xuízo Final chegará demasiado tarde, cando o asunto estea xa esquecido.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de abril de1998.