La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O domingo pola noite, a iso das once, despois de rematar de ler unha espléndida biografía de Girolamo Savonarola que mercara uns días antes en Florencia, púxenme a ver a televisión sen plan de ningún tipo. Buscando algo que merecese a pena, pareime nun canal portugués porque me chamou a atención a imaxe dun gato que estaba subido no alto dun poste. O animaliño tiña cara de medo, como esa xente que se ve ás veces aterrorizada na cima dun edificio, en pleno incendio, agardando que acudan a salvala.

O suceso ocorreu en Estambul. Alguén descubriu ao bicho naquel sitio, incapaz de baixar polo seu pé, miañando con angustia. En pouco tempo xuntouse unha multitude curiosa, formada por eses mesmos tipos humanos que se deteñen a contemplar a un suicida que ameaza con saltar desde o alto dun edificio de vinte plantas.

Deseguida chegaron os bombeiros, pero co coche avariado, tanto que os miróns tiveron que empuxar para que o automóbil se puidese situar no lugar adecuado do rescate. A continuación, subiron un bombeiro nunha especie de cesto coa intención de coller ao animal. Non lle deu tempo: el mesmo pegou un salto e saíu correndo polo brazo da grúa abaixo. Nin sequera deu as grazas. Alegreime de que Samuel, o gato da casa, que non estaba atento á televisión, non vise un comportamento tan pouco agradecido.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de abril de 1997.