La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nunca esquecerei un día, alá polo outono do ano 1957, cando eu era un rapaz, en que o cura don Juan Portabales, que segundo o meu pai se parecía moito a Basilio Álvarez, ao ler nos periódicos que os científicos soviéticos puxeran en órbita o primeiro satélite artificial da historia, o Sputnik, me dixo nun bar de Baltar, en terras de Xinzo de Limia, unha frase que me escandalizou: “De aquí a pouco, os rusos acabarán sabendo tanto coma Deus”. Non era para tanto. Algúns anos despois eu vin un daqueles artiluxios exposto en Boloña e quedei bastante decepcionado. Parecía unha albóndega xigante, con remaches de ferreiro, bastante chapuza.

Onte estiven escoitando na televisión un programa sobre iso do xenoma humano, do que agora fala case todo o mundo. Resulta que hai un científico de Manchester que está convencido que a inmortalidade das persoas será posible. Non digo que non, pero o malo é se nos cae unha tella na cabeza ou se nos atrangantamos co óso dunha cereixa.

O que si parece certo é que se van curar moitas enfermidades, que se poderán crear órganos de reposto, o mesmo orellas novas que narices ou fígados, e que se conseguirá que a xente viva mellor. Todo iso está moi ben e oxalá sexa para pronto, pero de momento non convén descoidarse, por se acaso. Eu nisto sigo os consellos do meu amigo o doutor Pedro Laín (junior), que un día me deu unha receita excelente, escrita en verso, no século pasado, polo célebre doutor Larramendi: “Vida honesta y arreglada, buscar siempre los medios de no preocuparse por nada; la comida, moderada, ejercicio y distracción, salir al campo algún rato, poco ruído, mucho trato y continua ocupación”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de abril de 2000.