La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, a iso das once, aproveitando un momento de sol, saín a dar unha volta polo xardín para botarlle unha ollada ás árbores, que supuña castigadas despois das tormentas deses días pasados, tan enlouquecidos. Como temía, a pedra fixo bastante mal. A pavieira, que rebentaba de gozo, está triste. A mazaira ten as follas tronzadas e o froito incipiente vese xa que desta vez non irá para adiante. O tempo cálido de aí atrás enganou as froiteiras, deulles a oportunidade de florecer e logo machacounas no sitio, como a traición. Ninguén ten a culpa, naturalmente, e non hai, polo tanto, a quen reclamar, pero dá pena que as árbores estean tan indefensas.

Hai anos, Christopher Stone publicou un libro precioso, como se pode desprender do mesmo título: ¿Deberían as árbores teren dereitos? Os seus argumentos non eran tontos. Sería algo así como cando os xuíces designan unha persoa para representar un menor de idade ou alguén que teña as súas capacidades mentais diminuídas. Non entendo nada de leis, pero paréceme razoable. Para Stone, isto de recoñecerlle dereitos ás árbores, ás plantas, aos montes ou aos bosques, sería unha maneira de ampliar a democracia.

Desde logo, a sensibilidade de hoxe vai por aí. Se algún día chega esa posibilidade e me colle aínda neste mundo, gustaríame representar alguén. Por exemplo, as cerdeiras dunha comarca, por quedarme nunha cousa pouco importante, de menos entidade que os castiñeiros, os carballos ou as oliveiras, que eses debían estar representados por un bispo bondadoso e firme ou por un poeta sinxelo. Se vivise Cunqueiro, por exemplo, debía ser o protector dos prados. E Otero Pedrayo podía acoller as fragas e os soutos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de abril de 1998.