La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Escribo na casa duns amigos, o domingo pola tarde, ao aire libre. O resto da xente está noutra parte, falando e rindo, a uns metros do lugar retirado onde me atopo. Aquí ao lado, xogando, unha nena pequeniña de tres anos sobe e baixa unhas escaleiras de pedra, entre flores, bota unha carreira insegura e atolondrada e despois déixase caer por riba dunha hamaca. Nese momento lanza unha risotada de satisfacción, agardando que eu mire para ela e lle diga algo. Logo, sobe de novo as escaleiras e empezaoutra vez.

O peor do xogo é que vai rematar de maneira inevitable cunha zoupada e unhas lágrimas. Pouco a pouco, a nena está máis insegura e os seus movementos, conforme queima as enerxías, van sendo cada vez máis torpes. Xa tratei de disuadila con algunha trampa que non deu resultado. Só conseguín facela chorar.

Así que, agardando o inevitable, eu sigo co meu traballo e ela segue coa súa diversión. Cada pouco, ergo os ollos para observala: anda xa como un pato, cambaleando para os lados, a punto de dobrar. Se o cansazo chegara neste momento, aínda se podía librar da caída prevista e aforrar, non un perigo, que os nenos son de goma, senón un desgusto e unha pequena dor. Por máis que na vida resulte inevitable sufrir, canto menos se sufra, mellor. De momento, a nena aínda non caeu. Pero non ha tardar moito en caer.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de abril de 1996.