La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días que estiven en Italia, unha tarde, a iso das oito, mentres ía paseando sen rumbo fixo por unha rúa estreita do centro de Florencia, de pronto oín que do interior dunha igrexa que tiña as portas abertas de par en par, saía, pronunciada en voz alta, case a berros, a palabra puttana, que non será necesario traducir. Movido instintivamente pola sorpresa e a curiosidade, decidín entrar para ver que sucedía. Como supuña, non me arrepentín. Un cura, vestido con alba, estaba naquel momento en plena predicación.

Era pequenote e miúdo, con pelo abundante e disparado, tipo musical. Falaba desde abaixo, entre os asistentes, dirixíndose a eles directamente de cando en vez, facendo preguntas en ton coloquial. Logo, administrando as pausas coa mestría dun bo actor, erguía as mans cara ao ceo e tronaba un discurso feroz.

De Deus, falou pouco: substituíuno por Platón, de quen leu un folio que levaba preparado. Despois meteuse cos políticos, avisou da súa falta de moral e pintou un panorama horrible, como de vésperas de Fin de Mundo. Os fieis asentían coa cabeza, igual que ocorre nas películas americanas. Cando rematou, deu media volta e seguiu co oficio. Eu volvín á rúa, busquei unha desas fermosas terrazas que hai en Florencia e pedín un café. Arredor, a xente falaba animadamente. A verdade é que non me pareceu que o mundo estivese tan mal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de abril de 1995.