La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A Semana Santa, por eses caprichos recónditos da memoria que a vontade non goberna, tróuxome estes días o recordo case perdido do Malarraza. Era o soldado romano que ía nas procesións de Xinzo. Vestido coa coiraza pintada de purpurina prateada, casco da mesma cor, lanza de madeira e escudo de plástico, dáballe unha solemnidade ao desfile que nos facía esquecer a todos que en realidade ía feito un adefesio. Nin a ridícula corneta que tocaba nin as fracas canelas postas ao aire conseguían restarlle seriedade ao esperpento.

Se mal non recordo, o resto do ano, o Malarraza dedicábase a traballos de conxuntura, case sempre relacionados con eventualidades producidas no concello. Mesmo teño para min que debeu ser el quen inaugurou o posto de laceiro, polo cal andaba deambulando polas rúas cun raro artiluxio na man á procura dos cans soltos. Digamos que estaba en disposición permanente de servizo.

Aquel home foi para min, durante os anos máis inocentes da infancia, un dos soldados cabróns que martirizaron a Cristo, e mesmo cheguei a pensar que o alcume llo puxeran por esa razón. Reconcilieime con el unha vez que me tocou facer de Cirineo na procesión do Nazareno. Cando volviamos para a igrexa, caín desde o alto das andas. Quen me colleu no colo e me limpou a terra da ferida que fixen nun xeonllo, foi o Malarraza. E ao chegar, deixoume xogar coa espada. Só un pouquiño, porque era de cartón e tiña medo que lla rompera.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de abril de 1993.