La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai cousa dun par de meses escribín aquí sobre Linda Tripp, esa señora americana que lle gravou varias horas de conversa a Monica Lewinsky, sen que esta soubese nada, sobre a súa relación con Clinton. Un día, a citada señora invitou a comer a rapaza e, cando estaban nos postres, apareceron uns axentes da policía federal que as levaron as dúas a un cuarto onde se descubriu o tomate. Foi tal a furia que lle entrou á amiga do presidente que lle tiveron que quitar de diante a outra para que deixase de insultala.

A señora Tripp resulta un dos personaxes menos atractivos da comedia. A primeira explicación das razóns que a levaron a actuar contra Clinton xa se sabía que non podían ser certas: que estivese indignada coa inmoralidade dun presidente perxuro non cadraba coa súa falta de escrúpulos cunha compañeira.

Agora leo no New Yorker unha biografía de Linda Tripp. De pronto, todo se entende mellor. No ano 1969, cando tiña dezanove anos, esta señora foi arrestada pola policía por roubarlle douscentos sesenta e tres dólares a dous homes. Anos despois, cando entrou a traballar na Administración e lle fixeron a pregunta de rigor sobre se fora arrestada algunha vez, respondeu que non. Igual que Clinton, cando lle preguntaron sobre as súas relacións coa Lewinsky. Como se ve, non convén indignarse moito por nada. Non queda ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 10 de abril de 1998.