La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recordo unha cea bastante divertida, na que correron por igual o viño, a graza, a intelixencia e o cinismo, este último en cantidades discretas, pero ben proporcionadas, durante a cal, un antigo ministro de Franco nos dixo a un grupo de amigos que a afección do xeneral polo golf lle viñera cando a prensa empezou a difundir fotos do presidente Eisenhower practicando este deporte. E que o interese pola pintura lle aparecera cando se soubo que Churchill tamén pintaba. O da pesca dixo que debía ser cousa orixinal.

Eu acordeime aquel día deste costume español de imitar de forma grotesca moitos dos asuntos serios que pasan fóra do noso país. Cando se fixo aquela magnífica película americana de suspense que se titulaba Rififí, aquí non tardaron en facer outra que se chamaba Rufufú. Hai centos de exemplos semellantes.

Sorpréndeme que aínda non aparecese alguén tratando de imitar a Berlusconi cun “Forza España”, aínda que é cedo para dalo definitivamente por descartado. En todo caso, nisto xa se adiantaron os portugueses. O presidente do club de fútbol do Porto, que non ten co magnate italiano máis afinidades que a de presidir ambos un equipo, acaba de crear “Forza Portugal”. Alégrome de que nesta ocasión alguén se nos anticipase. Non sempre convén ser o primeiro. Sobre todo cando se trata de facer o ridículo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de abril de 1994.