La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non é raro que durante os coloquios que se adoitan celebrar despois das conferencias, xurda de cando en vez un louco que fai unha pregunta desatinada. O que resulta máis improbable é que xurdan sete toliños, un detrás do outro, e que o coloquio remate nunha situación absurda e incomprensible, aínda que moi divertida. Pois iso foi o que lle sucedeu nunha ocasión ao escritor peruano Alfredo Bryce Echenique estando eu presente e que el chegou a pensar que fora unha broma coidadosamente organizada polos seus amigos.

O que me estraña é que a Alfredo lle pasase esa idea pola cabeza, tendo en conta que a súa vida está chea de acontecementos bastante máis absurdos que aquel. En verdade, eu nunca coñecín a ninguén a quen lle sucedan cousas dunha comicidade tan disparatada, tal como se pode advertir no excelente libro de memorias que acaba de publicar, Permiso para vivir, convertido xa nun rotundo éxito editorial.

Establecerse de avogado, roubarlle un cliente ao despacho contiguo, iniciar a entrevista e decatarse de que se trata dunha consulta médica, non debe suceder con frecuencia. Tampouco creo que haxa outro escritor no mundo que recibise sucesivamente dous telegramas, un anunciándolle que o libro presentado a un concurso en Cuba obtivera o primeiro premio e outro comunicándolle que gañara o segundo. Con vivencias tan delirantes como esta, con intelixencia e cunha limpa prosa de cristal, Alfredo Bryce acaba de escribir un libro fantástico.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de abril de 1993.