La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había tempo que non escoitaba unha frase que antes se dicía moito, sempre pronunciada en castelán: «Yo lo dejo todo en las manos de Dios». Na miña familia, esas plabras tíñaas constantemente nos labios a tía María e supoño, polo que contarei despois, que lle deberon ser moi útiles na vida. Viñan significar algo parecido a aceptar que, pasase o que pasase, dependería da vontade de Deus, aínda que o que pasase non fose bon. Agora xa non se di eso, quizais porque hai un sentido diferente da Providencia. Resumíao moi ben aquel cura, amigo de Torres Queiruga, que un día dixo: «Para que Deus acabe coa fame en Somalia, que non acabará».

A frase oínna o outro día en Santiago, diante do edificio de Correos. Dicíaa unha señora maior, con aires de reliquia antiga, vestida cun abrigo vello, que falaba, parada no medio da rúa, cunha amiga máis nova. Non escoitei máis, pero chegoume para imaxinar calquera contratempo e unha resignación total, deixando todo nas mans de Deus.

Acordeime da miña tía porque, como dixen, aquela era a súa frase favorita. Repito que non lle debeu dar malos resultados porque un día tivo a ocorrencia de sacar o carnet de conducir cando estaba a punto de xubilarse. Cada vez que alguén pretendía disuadila, facéndolle ver as dificultadesda empresa, respondía o mesmo. O caso foi que se examinou e no transcurso da proba embarullouse e embestiu a toda velocidade ó grupo examinador, con tan mala fortuna que lle partiu unha perna precisamente ó home que tiña a responsabilidade de aprobala ou non. Salvouna a súa fe porque, a pesar de todo, o funcionario deulle o carnet de conducir. Despois, gracias a Deus, nunca matou a ninguén.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de marzo de 2000.