La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, cando falei aquí dos cans da China, que están prohibidos, chamoume Felipe Fernández Armesto para lerme un traballo que el publicou sobre o mesmo tema hai máis de cincuenta anos e no que falaba da época dos emperadores, cando estes bichos, a posesión dos cales tiña que ser autorizada pola casa imperial, indicaban a distinción e o rango dos seus donos. Eu non sabía deste antecedente histórico, que en parte aclara a animadversión das autoridades chinesas de hoxe contra un animal que recorda a aristocracia.

Cada país ten o seu pasado. En Galicia, por exemplo, nunca se podería tomar o can en abstracto como símbolo de clase, pois a especie máis estendida, o avisado can de palleiro, representa sobre todo eses amplos grupos sociais que antes se chamaban as camadas populares. Caso de prohibir algo, aquí habería que ir ao cabalo.

Naturalmente, postos a imitar o celo dos chineses, que cando eu era estudante tiñan algúns seguidores políticos en Santiago, poderíanse facer diferenzas de clase. Duns anos a esta parte, ao mesmo tempo que a xente empezou a bautizar as fillas con nomes de princesas, púxose de moda mercar cans distinguidos. En boa lóxica, serían estes os condenados. Ata se podería elaborar unha teoría coherente sobre o asunto. Máis aínda, non me estrañaría nada que xa existise na cabeza quente de calquera toliño.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de marzo de 1994.