La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un día, segundo me contou Ramón Piñeiro, don Ramón Otero Pedrayo, que daquela rexentaba unha cátedra de Xeografía na universidade de Santiago, presentouse no pazo episcopal de Compostela para visitar o cardeal Quiroga, de quen era bo amigo desde os tempos afastados nos que este último exercía como párroco de Santo Domingo, no centro de Ourense. A visita, polo tanto, non tiña nada de cousa extraordinaria. Como noutras ocasións, o prelado e o escritor recordaron vellas historias, tomaron café e botaron un pito.

Polo visto, ao cardeal chamoulle a atención o nerviosismo de Otero, que non conseguía centrarse na conversa, como se estivese preocupado. Ata que de súpeto, coas meixelas inflamadas, don Ramón dixo que quería ser oído en confesión, pois cometera un pecado gravísimo. Non ha ser difícil imaxinar o susto do cardeal.

Sen máis rodeos, Otero explicoulle que entrara no convento de clausura das monxas de San Paio facéndose pasar por un médico alemán que acompañaba ao verdadeiro doutor titular. A reacción do cardeal consistiu en botar unha gargallada chea de saúde e de graza. Ao contrario diso que acaba de suceder en Italia, onde o prior dun convento impediu o auxilio dun monxe moi enfermo porque o médico que se presentou a curalo era unha muller. Hai quen non entende que Deus poida ser como a xente normal.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de marzo de 1995.