La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que xa teño contado aquí que o primeiro libro que merquei na miña vida vendeumo un compañeiro por vinte e cinco pesetas facéndome un favor. Uns días despois vin que nas librerías custaba menos da metade. Como non resulta difícil de imaxinar, o meu amigo é hoxe un brillante home de negocios, mentres eu sigo metido entre libros. Por esa razón comín onte coas xentes do gremio, incluídos o conselleiro e o director xeral do ramo. Do que se trataba era de falar de diñeiro, ese ben necesario que nunca chega.

Durante o xantar informeime dunha cousa que non sabía: para resolver os problemas económicos dos editores galegos abondaría con que se destinase ao sector do libro o que custa facer medio quilómetro dunha estrada. Non parece unha pretensión extravagante. Por iso mesmo un ten a impresión de que non se vai conseguir.

Díxose na reunión que se le pouco, unha cantilena que se repite tantas veces que xa carece de significado. O que sucede é que nesta ocasión, un dos presentes díxoo tan ben que nos recordou a todos que era certo. Resulta que o citado compañeiro, editor de profesión, levou un día un amigo ata os locais da súa editorial para ensinarlle con orgullo o que alí estaba facendo. Ao rematar a visita, anuncioulle que lle ía regalar un libro. O outro, abrumado pola xentileza, respondeulle: “Non, que xa teño un na casa”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de marzo de 1994.