La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A miña tía Isolina, que entretiña a cegueira inventando grandes trasnadas, un día convenceu a un par de veciños serviciais e inocentes para que a axudasen a sacar uns porcos da casa que quería vender sen que o soubese o seu home. A broma consistía en que, cando aquel par de infelices estivesen realizando en segredo a tarefa encomendada, ela avisaba ao seu marido de que lle estaban roubando os animais. A cousa foi tan dura que as pobres vítimas, un matrimonio honrado, botaron unha tempada sen falarlle.

Aquela muller era un gran corazón ao servizo dunha cabeza intelixente que gozaba facendo estas cousas. Unha vez díxome a min que o fillo do sancristán me chamara Señorito de Caldo á Merenda, cousa que non era certa, para irlle despois a el co conto de que eu lle chamara Cara de Grelo, que tampouco era verdade.

Ao mesmo tempo que montaba estas guerras, facía grandes favores. A un tal Silverio, que era un veciño pobre, regaloulle un burro, unha caixa de peixe e unha corneta para que fose vender xurelos e sardiñas polas aldeas. Non lle foi mal. A outro paisano, aínda mozo, deulle unha cámara de fotos coa intención de facelo retratista de feiras. Foille moi ben. Aínda mo recordaba onte un compañeiro da infancia. Díxome que de neno pensou que aquela muller tan guapa debía ser unha princesa. Pois eu non diría que non. Pola alma.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de marzo de 1996.