La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Nikolai Ustinov foi un científico soviético relativamente novo, home simpático e de trato cortés, que levaba tempo traballando cun virus mortal nun laboratorio secreto. Estudaba a posibilidade de empregalo como arma biolóxica. Un día, cando ía inxectar a un porco, tivo a mala sorte de cravar a agulla nun dedo. Case inmediatamente o levaron a un hospital, illado de todo o mundo, non tanto coa intención de curalo, tarefa que resultaba imposible, senón para evitar que puidese extender aquela infección, contaxiando a outras persoas.

Desde o primeiro momento, Ustinov tiña asumido que ía morrer. Catro días despois empezou a sentir unhas dolores de cabeza insoportables; logo tocoulle a vez aos ollos; máis tarde, por toda a pel empezaron a saírlle inchazóns e mazaduras. A partir de entón, as penalidades que pasou foron tan espantosas que é mellor non escribilas.

A pesar de todo, Ustinov non deixou de escribir nun pequeno caderno. Dominado pola paixón do científico, quixo anotar con detalle o proceso da súa destrución. Esa libreta é hoxe unha xoia, que os seus colegas teñen estudado e que lles permite coñecer o que non sabían máis que dunha maneira aproximada: como mata ese virus. Parece que mata ben, cousa importante nunha guerra. Ignoro se terán en conta tamén o moito sufrimento que causa. Non digo polo que se refire á estratexia, senón pola vidiña da xente, que tamén é importante.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de marzo de 1998.