La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na casa de Beiro, cando eu era neno, vivía con nós a señora Helena, unha muller traballadora que nunca se cansaba de facer o ben: limpaba, cociñaba, lavaba a roupa e, por se fose pouco, polas noites, despois de cear, mentres permaneciamos sentados ao lume da lareira, se era inverno, ou ao fresco do balcón, se era verán, contaba uns contos preciosos. Ás veces tamén relataba crimes e mortes, pero en xeral prefería narrar sucesos divertidos, con encargo, iso si, de que non rísemos demasiado nin en voz moi alta.

Por suposto, canto máis insistía ela nesta última recomendación, máis nos daba a nós a risa. Ao final, sempre se amosaba chea de comprensión, pero non se esquecía nunca de recordarnos que detrás das grandes alegrías veñen sempre grandes dolores. Expresábao cunha frase: “¡Non vos riades máis que nos pode castigar Deus!”

Eu non sei de onde procede esta pinga de pesimismo calvinista, bastante estendido, que estes días se escoita en conversas e tertulias cada vez que se fala do magnífico tempo que estamos vivindo. Con frecuencia, a xente di máis ou menos o que dicía a señora Helena, como se este clima estupendo do que gozamos nas últimas semanas nos obrigase a pagar coa penitencia da chuvia dentro de pouco. Ninguén pensa, en cambio, ao revés: que nos están dando un premio por toda a auga que caeu no inverno.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de marzo de 1997.