La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Recordo moi ben o día en que morreu Ortega y Gasset, cando eu tiña catorce anos. Polo que dicían os periódicos e polo que lle oín contar aos meus profesores, tiven a impresión de que o máis destacable daquel acontecemento era que desaparecía un home que non cría en Deus. Esa sensación incrementouse uns días despois, cando un daqueles profesores me sorprendeu lendo La rebelión de las masas e me dixo: “Anda, lee esas tonterías y ya verás como acabas defendiendo la teoría de que los perros tienen alma”.

De maneira que, durante algún tempo, Ortega foi para min un señor que pretendía demostrar cousas absurdas. Tiveron que pasar aínda algúns anos máis para que eu chegase a saber que o célebre filósofo non era malo, por un lado, e que non tiña nada que ver coas bobadas que lle atribuíra aquel meu profesor, por outro.

Máis de corenta anos despois, un libro sobre Ortega trae alporizado ao mundo da cultura española. Parece que o biografado era soberbio e vaidoso, que claudicou fronte ao franquismo, que miraba as mulleres pola rúa sen recato e que dicía bastantes estupideces. Se todo iso fose certo, Ortega sería un home normal. Nese aspecto, a súa vida carece de interese. En cambio, o que eu boto en falta nese estudo é unha exposición daquilo que o facía diferente, é dicir, un libro con máis rigor. Para iso, bastaría con ser máis xeneroso.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de marzo de 1998.