La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Alá polo ano 1969 pasei sete meses en Bilbao. No colexio onde ensinaba había un tipo delgado e silencioso, profesor de xeografía, que non se relacionaba con ninguén a non ser nas reunións e nas asembleas. Entón convertíase nun auténtico lareta, dedicado a soltar longos discursos, para min incomprensibles polo complicados que eran, nos que o citado repetía constantemente, como unha especie de rutina, unha frase que dicía: “Hay que ser coherentes, ¿no?”. Como é fácil de entender, esa era a norma da súa vida.

Finalmente, o que tiña que pasar, pasou. Con motivo dun conflito coa dirección do centro, que el mesmo contribuíu a radicalizar en contra do parecer da maioría, foi o único que aceptou a imposición dunhas condicións que resultaban humillantes. Os demais preferiron deixar o traballo e marchar cada un para a súa casa.

Na mesma cidade de Bilbao, hai agora un par de anos, un coñecido escultor vasco, de carácter aberto e explosivo, indignado coa construción do Guggenheim, fixo unhas declaracións tronantes, expresadas a berros de indignación xupiterina, nas que dixo que nunca permitiría que se montase unha exposición da súa obra naquel museo, onde non pensaba entrar a non ser cun par de pistolas. Confeso que desde aquel día, pensei que unha exposición do mencionado escultor no Guggenheim era cuestión de tempo. Anunciárona onte.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de marzo 1998.