La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

As persoas que coñeceron a Otero Pedrayo recordarán que tiña a coquetería de presumir de vello. Para resaltar esta presunción, adoptaba dicir tres cousas. Primeiro, que coñecera nada menos que a don Nicolás Salmerón, presidente da primeira República española; segundo, que asistira ao enterro do Conde de Cheste, último virrei do Perú; terceiro, que el mesmo non era máis que un vello fantasma do século XIX. Este detalle final, que eu lle escoitei dicir moitas veces, escribiuno incluso na dedicatoria dun libro.

Presumir de vello é bastante frecuente entre persoas de moita idade. Recordo unha comida na casa dos meus pais, na que Otero estivo competindo co meu avó, que daquela pasaba dos noventa anos, sobre estas historias. Estou vendo a cara de don Ramón cando o seu adversario lle dixo que asistira ao enterro de Curros Enríquez.

A única razón que un ten para lamentar non ser máis vello é que perdeu a oportunidade de coñecer algunhas persoas interesantes. A min, por exemplo, gustaríame coñecer a Julio Camba, un escritor polo que sinto devoción desde o día en que a miña nai me mercou na librería de Resvié, en Ourense, La rana viajera. Creo que lle custara dez pesetas. Hoxe cumprín un soño: adquirir as Obras completas do escritor, que atopei nunha librería de vello. Non digo o que paguei por elas porque as ilusións non valen diñeiro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de marzo de 1995.