La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No último número da revista Granta, o escritor alemán Hans Magnus Enzensberger describe con precisión unha experiencia que todos temos vivido algunha vez nas nosas vidas: un grupo de persoas viaxa tranquilamente no departamento case baleiro dun tren; as bolsas, os periódicos e as gabardinas descansan sobre os asentos non ocupados ata que, de pronto, nunha parada ábrese a porta corrediza e entran dous novos pasaxeiros. Irritados, os viaxeiros primitivos reaccionan con fastío ante a chegada dos intrusos.

A historia pódese volver un pouco máis complicada aínda. Por exemplo, os recén chegados, despois de ocupar os lugares que lles corresponden, pasados os primeiros minutos de tensión, esquecendo por completo que uns momentos antes eles eran molestos invasores, reaccionarán xa como nativos se de novo se abre a porta para dar paso a outros pasaxeiros dispostos a instalarse nos asentos que sobran.

Unha reacción tan común como esta por forza ten que saír dunha zona escura e profunda da alma humana, probablemente desa parte antiga do noso cerebro que compartimos con outros animais e onde se esconden as emocións e os instintos. Igual que os cans, defendemos o territorio que consideramos propio; e tamén da mesma maneira que os cans podemos trabar aos intrusos. Que o espazo que se protexe sexa un simple departamento de tren ou un país enteiro, tanto dá: miseria biolóxica que algúns converten en causa política.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de marzo de 1993.