La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte xuntámonos en Ourense un grupo de amigos para recordar a Vicente Risco, que sempre celebraba o Entroido con animación. Andamos dando voltas polas rúas, seguindo os itinerarios que el seguía en vida, desde a súa casa na Rúa de Santo Domingo ata a vella Escola Normal, ambas desaparecidas. Cada un contaba unha cousa e entre todos fomos compoñendo un fermoso mosaico de lembranzas persoais, case todas relacionadas co escritor. Ao final, daba a sensación de que Risco andaba entre nós.

Logo comemos na casa de María Andrea, un edificio do século XVI situado no vello Eirociño dos Cabaleiros, a poucos metros do bar Volter, onde o mestre facía tertulia polas mañás. Puxéronnos un cocido magnífico, con orellas de postre. O resto foi falar. Recordáronse historias e personaxes, sempre arredor da figura de don Vicente.

Antón Risco contou a pelexa a bastonazos entre don Floro Cuevillas e outro señor, con matices do poeta Antón Tovar, que deu por boa unha versión dos anos cincuenta na que el berraba “Viva Rusia” desde o palco da Alameda, mentres o seu amigo Alfonso Alcaraz vitoreaba ao rei carlista. Foron tres horas de contos e anécdotas, case sen parar. Non será necesario engadir que o pasamos moi ben. Seguro que don Vicente, alá onde estea, tamén se debeu divertir. Sobre todo se lle deron un vasiño de tinto e un pouco cocido.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de febreiro de 1996.