La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que se chamaba Dorotea, aínda que non estou completamente seguro. Era unha señora chilena con apelido alemán. Coñecina en Suecia alá polos anos setenta, onde ela acababa de establecerse para coidar dunha neta, vítima da barbarie de Pinochet na persoa dos seus pais, ambos asasinados. Debía ter arredor de sesenta anos, pequeniña e rechoncha, algo rebolo, pelo negro e ollos escuros e melancólicos. Estaba indignada porque, nunha visita ao hospital, o médico que atendera a rapaciña era negro.

Pouco despois, un día, paseando pola Praza Maior, descubriu asombrada que un tipo pequeniño e loiro, deses que andan calcetando cos pés, a insultaba cunhas palabras para ela incomprensibles, pero que non tardou en aprender. Traducidas, equivalían a algo así como “sucia estranxeira”. Inmediatamente, tinguiu o pelo.

Acordeime disto onte, cando escoitei na radio a un profesor dun instituto de Madrid que sae agora coa teoría de que os negros son menos intelixentes que os brancos, como proba o feito de que non existan entre eles ningún Einstein. Falaba coa mesma contundencia que empregaba a señora chilena para rechazar o médico da súa neta. Seguro que a este home non lle pasou pola cabeza que o seu discurso se podía volver contra el. É dicir, que ser profesor e branco non o libra a un de que o consideren idiota.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de febreiro de 1997 .