La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha amiga da miña nai, que é monárquica desde antes da guerra, chamoume onte por teléfono para rifarme cariñosamente. Non lle gustou nada que contase a historia de que a raíña de Inglaterra, cando se enfada, di palabras feas. Non o cre e preguntoume de onde sacara semellante parvada. Conteille a verdade: dunha revista británica que se chama Index e que está en contra de todo tipo de censura, incluída a prohibición de que no Reino Unido non se poida vender o famoso libro de Kitty Kelley, a célebre periodista norteamericana especializada en cotilleos, autora dunha obra crítica sobre a familia real que os cidadáns británicos non poden mercar.

Falando desta e doutras cousas, a amiga da miña nai acabou recordando outra señora, Lucía Lucha, da que me dixo que fose preceptora no Palacio Real, alá polos anos vinte. Nunca soubera eu tal cousa, pois a esta muller recórdoa moitas veces de visita na casa, falando cunha voz preciosa e vestindo unhas blusas brancas con debuxos bordados que, ignoro por que razón, teño moi gravadas na memoria.

Era unha señora pequena, moi elegante, sempre peiteada con moño, cuns pendentes de ouro que se parecían a lentellas e que non cambiaba. Vén todo isto a conto porque a amiga da miña nai que me chamou por teléfono empregou a imaxe daquela señora como argumento para negar a veracidade da información sobre a raíña de Inglaterra e a súa afección a usar vocábulos gordos. O argumento pareceume dunha lóxica perfecta, de siloxismo impecable pasado pola bondade do corazón. ¿Podo eu imaxinar a dona Lucía dicindo unha palabra fea? A verdade é que non. Pois non se trataba dunha raíña, senón dunha simple preceptora. Polo tanto…

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de febreiro de 1998 .