La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non recordo con precisión en que libro latino deses que tratan de animais lin a historia fascinante duns escorpións africanos que, segundo refería o autor, atacaban a xente por un procedemento complicado e difícil, pero moi eficaz. Como os habitantes do país sabían do perigo de morte que corrían, sobre todo polas noites, cando estaban durmindo e non se podían defender, colocaban as camas de tal maneira que o bicho non puidese subir ata elas e sorprendelos durante o soño. Aínda así, o escorpión cobraba moitas vidas.

A estratexia deste consistía en subir ata o teito e buscar algún sitio onde agarrarse coas mandíbulas. Despois, un compañeiro baixaba polo corpo do que estaba colgado e fixábase a el da mesma maneira, pero trabando coa boca na uña do outro. E a continuación un terceiro ou un cuarto, ata alcanzar o corpo da vítima.

O último, é dicir, o situado na parte final do colgante, era o encargado de picar e meter o veleno no corpo indefenso da persoa elixida. Despois, rematada a faena, os escorpións retirábanse en orde inversa e desaparecían nos seus agachos, entre as pedras. Non sei nada dos costumes destes arácnidos, pero estou seguro de que esta historia non é certa e que se debe á fantasía popular. Unha técnica tan depurada, posta ademais ao servizo do puro acto gratuíto de matar, só se lle pode ocorrer a un ser humano.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de febreiro de 1996 .