La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha das cousas máis curiosas que hai nos países nórdicos son os expertos. A eles lles corresponde falar da depresión dos cans, ou da necesidade de tocarse entre as persoas, ou da conveniencia de renovar o aire das habitacións a razón de sete minutos cada un número determinado de horas. Durante algún tempo, eu fíxenlles caso, mais que nada por proceder dun país menos organizado, onde todo se deixaba ó saber e entender de cada quen. Co paso dos anos, sen embargo, conforme un vai confiando cada vez máis no sentido común, chega tamén á conclusión de que se pode valer por si mesmo, sen necesidade de tantos expertos.

Agora aparece un experto sueco que vai revolucionar a vida dos daneses. É profesor da universidade de Lund, unha das máis prestixiosas do país, onde se dedica á investigación do sono. A este home acudiu, pola súa condición de técnico, o alcalde dunha pequena cidade de Dinamarca, para consultar unha ocurrencia que tivo un día de repente. Este señor pensou se non lles viría mal ós funcionarios municipais un ración extra de sono.

Resulta que o investigador decretou que a ocurrencia era unha boa idea, e así empezou todo. Desde entón, os funcionarios municipais do concello de Hilleröd poden durmir vinte minutos todos os días no traballo. É un sono pagado, que non se desquita nin das vacacións nin da hora do café. Durante ese tempo, ademais, os beneficiarios teñen dereito a desconectar o teléfono e a poñer os pés por riba da mesa. Esto de momento, supoño, porque non me sorprendería que outro experto aconsellase a fabricación de cadeiras especiais, por razóns de tipo anatómico, para evitar malas posturas e lesións. Ou incluso unha cama.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de febreiro de 2002.