La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días pasados, cando falei aquí dun par de amigos de Xinzo de Limia, iso valeume recibir algunhas chamadas que serviron para seguir removendo vellas lembranzas. Alguén me preguntou se me acordaba do episodio do foguete. Nun primeiro momento pensei que me estaban falando da bomba de palenque que, durante as festas do San Benito de Sabucedo, lle levara un par de dedos ao Felipito do Juan Antonio. Pero non se trataba diso. O que me estaban a recordar era unha historia inventada por min, escenificada na Praza Maior cunha concorrencia enorme de público, que consistiu no lanzamento simbólico dun foguete á lúa.

Chamábase o «Limicover I» e foi construído en madeira e cartón, pintados de purpurina, nunha aula que nos prestou o profesor Bobillo, ao cal me referín o outro día. Era un artefacto duns dous metros de alto, destinado a arder e a lanzar uns poucos petardos inofensivos, pero con moito barullo, despois de que fracasara o seu lanzamento. Acordarase ben daquela festa Lola Villarino, a concelleira socialista de Vigo, que fixo de fiscal para acusar a un espía chinés, representado por un compañeiro de estudos apelidado Diz. El era o responsable da sabotaxe criminal que impedira que o «Limicover I» chegase ao seu destino.

O máis fantástico, porén, foi cando a véspera do acontecemento se presentou na miña casa o fogueteiro da vila, Eladio Paz Benítez, que era como un neno grande, para propoñerme en serio que aquel cacharro de madeira e cartón subise de verdade ceo arriba. Entroume tal pánico que aquel día aprendín que os meus soños serían sempre cousa de andar por terra.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de febreiro de 2000.