La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Na cidade belga de Malinas, unha señora nova e bonita asegura que estivo a punto de ser comida polo demo. Foi de noite, cando se atopaba soa na casa, a punto de meterse na cama. Presentouse o perello disfrazado de frade franciscano, pediulle esmola para as obras dunha igrexa que se estaba construíndo nas aforas da cidade e nun descoido tiróuselle ao pescozo. A muller soubo que se trataba de satanás porque cando ela invocou a santa Margarida, presentouse esta no cuarto, atou o bicho polo pescozo e desapareceu con el.

A invocación á santa italiana indica unha forte cultura relixiosa, pois aquela é avogada específica na loita contra o demo, para o cal dispón dunha cinta coa que o ata despois de convertelo en ovella. Esa cinta, moi popular en Italia, acaba de dar orixe a un gran negocio en Malinas, onde un tipo espelido de Palermo, propietario dunha pizzería, fabrica réplicas do orixinal, que os clientes lle arrebatan.

Este episodio non é un exemplo de loucura colectiva, senón unha proba de que moita xente necesita o misterio nas súas vidas. En Alemaña, medra cada día o número de curandeiros e bruxos. En Francia, as persoas que acoden ás medicinas populares multiplicáronse por dez nos últimos anos. E así en todo o mundo. O peor desta quebra da razón é que os novos curandeiros pasaron de curar con palabras a facelo con produtos. Postos así, un prefería a Ulises, capaz de cortar a peor das hemorraxias cunha simple canción.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de febreiro de 1993 .