La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había na miña vila un matrimonio, os dous amigos meus e xa desaparecidos, que chegaran a un curioso pacto, medio en broma medio en serio. Segundo o acordo, o home, que era descrido, podía facer o que quixese, naturalmente dentro dunha orde, nos días de carnaval. A cambio, a muller, que era moi da igrexa, gozaba de bula para empregar a Semana Santa como mellor lle parecese, o cal quería dicir que podía participar en misas, rosarios e procesións, especialmente na da Virxe Dolorosa.

Debo dicir que a Semana Santa era divertida. Había dous romanos, un deles o Malarraza, un neno que facía de Cirineo, outro que actuaba de Xoán Bautista e outros que eran San Pedro coas chaves do ceo, unha nena que levaba unha cobra de mentiras na man, a Xustiza cos ollos tapados e non recordo cantas cousas máis.

Todo isto desapareceu. O carnaval, en cambio, foise afianzando con forza, a pesar de que na miña infancia era pecado e don Cesáreo predicaba contra el. Onte mesmo falábase neste periódico do éxito con que transcorreu o domingo das olas. Todos saben en Xinzo que unha parte desta recuperación se debe a aquel señor que tiña o pacto coa súa muller. Supoño que para salvalo do inferno, ela aínda debe seguir rezando. Unha pena, porque se lle quedase tempo, podía rezar tamén para que volvese a Semana Santa.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de febreiro de 1996.