La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Algunha vez teño falado aquí dun compañeiro meu de estudos primarios, a quen os demais nenos lle chamabamos Gomirro, que era moi traballador, pero que non entendía nada do que lía nos libros de texto. Nunha ocasión, por exemplo, na clase de ciencias naturais dixo que o corazón estaba formado por catro paredes musulmás. Outra vez, despois de preparar unha sinxela lección de historia durante dúas horas, ao ser preguntado polo profesor, soltou un disparate magnífico: dixo que Cristóbal Colón lle puxera sitio a Viena.

Con todo, a actuación máis extraordinaria que lle presenciei consistiu no resumo que tivo que facer na clase de historia sagrada do episodio bíblico no que se conta o sacrificio de Isaac por parte de Abraham. Rascando a cabeza como para pedir axuda, concluíu cunha frase lapidaria: “Pois conta que o señor Abraham era malo”.

Onte pola tarde, despois de ler unha longa reportaxe sobre Al Gore, o vicepresidente dos Estados Unidos, tiven a sensación de que, se me vise obrigado a facer un resumo, tería que recorrer ao método do meu antigo compañeiro: “Pois conta que o señor Gore é aburrido”. Houbo só un feito que me fixo concibir algunha esperanza, cando lin que o político aseguraba que el e mais a súa muller foran os modelos nos que se inspirou Erich Segal pata escribir aquel caramelo titulado Love story. Pois nin iso: o autor négao rotundamente.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de febreiro de 1998.