La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día escoitei na radio unha entrevista cun señor que escribiu un libro para demostrar que Napoleón era homosexual. O autor, que falaba con voz de tiple, acusaba a Bonaparte de ser pouco viril e de ter un corpo feminino. Dixo, ademais, que cando se publique o seu traballo, que de momento aínda non atopou editor, a comunidade científica internacional, sobre todo os historiadores, van descubrir outros aspectos igualmente sorprendentes, algúns deles francamente asombrosos, da personalidade do Emperador.

Non digo que non, pero non lle vai resultar fácil. De Napoleón xa se dixo todo, incluso iso que este señor descobre agora. Por exemplo, o célebre Lombroso tiña a opinión de que as proporcións do corpo daquel célebre personaxe histórico correspondían a un dexenerado. Outros acusárono de sádico e borracho.

Mesmo hai quen afirma que era alemán ou grego ou mouro. Polo que respecta á familia, escribíronse libros para probar que Bonaparte era fillo dun bandido italiano ou que a nai era pastora de cabras ou que fora propietaria dun burdel en Marsella ou monxa en Pistoia ou bruxa. Todo isto está escrito. De maneira que o autor que escoitei na radio non vai sorprender a ninguén. Ademais de que hai un libro dun tal Jean-Baptiste Pérès que demostra que Napoleón non existiu. Polo tanto, dificilmente puido ser homosexual.

Esta columna publicouse orixinalmente o 3 de febreiro de 1997.