La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Xa está aclarado o misterio do Can Paco, de quen falei aquí de pasada hai uns días. Se non atopei o artigo de Ortega que andei buscando, no que eu pensei que o filósofo español falaba deste animal, é porque, segundo sei agora, tal escrito nunca existiu. Así mo comunica Gonzalo Torrente Ballester, que me explica que non se trataba propiamente dun artigo, senón dunha conferencia sobre Toynbee, pronunciada no Círculo Mercantil de Madrid alá polos anos cincuenta, cando Ortega regresou a España.

O que Torrente sabe do Can Paco débello a don Ricardo Calvo. Tal como me acaba de contar, o citado can ceaba todas as noites no Fornos, na rúa de Peligros, esquina Alcalá, e alí mesmo, en fronte do restaurante, collía o último tranvía. Antes, adoitaba asistir ás estreas en distintos teatros de Madrid. Tamén ía aos touros.

Por isto dos touros, o Can Paco tivo un tráxico final. Un día, cando presenciaba unha corrida, tirouse á area e enredouse nas pernas do matador que, irritado, acabou con el dunha estocada. Isto é o que me conta Torrente e que xa me contara outras veces, pero que eu tiña esquecido. Se non fose pola morte, o demais sería moi normal: cear nun restaurante, coller o autobús, ir ao teatro… Como se ve, pódese levar unha boa vida de can sen necesidade de facer o indio en teatros e circos. Sempre que se teña talento, claro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 2 de febreiro de 1996 .