La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Medio en broma medio en serio, Torrente Ballester adoitaba dicir dos aparatos electrónicos, especialmente das grabadoras, polas cales nalgún momento da súa vida chegou a sentir fascinación, que a única explicación racional que se lle ocorría para comprender o seu funcionamento era que tivesen unha bruxa dentro. Acordeime desto onte pola mañá, cando por primeira vez na miña vida vin o interior dun ordenador. Amosáronme cada un dos seus compoñentes e das funcións que cumprían, pero non entendín nada. Se non fose porque me parece un recurso fácil, diría que non vin a bruxa de Torrente por ningún sitio.

Unha simpleza semellante foi o que dixo Gagarin, aquel grande astronauta ruso, cando despois de regresar do espacio asegurou que non vira a Deus. Nunca soubo que Deus estaba dentro do seu corazón, aquel corazón inmenso que o levou a sacrificar a propia vida para evitar unha catástrofe co avión que pilotaba sobre unha aglomeración urbana.

Algunha vez teño falado aquí do meu interés de profano pola Física e das moitas horas de lectura que levo dedicado, ben inutilmente, por certo, a tratar de entender algúns enigmas relacionados coa orixe do universo ou o comportamento da materia. A verdade é que cando penso no gato de Schrödinger ou nos experimentos de Aspect (e perdón por esta incursión nun terreo que non me corresponde), parécenme cousa de bruxas, por máis que se trate de bruxas disfrazadas co cucurucho dos sabios posto na cabeza. Tamén tería gracia que despois de darlle tantas voltas, se algún día se aclarase eso de cómo apareceu o mundo, nos atopásemos cun velliño de barba branca rindo detrás dunha porta.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de xaneiro de 2000 .