La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non sei se haberá moita xente que se acorde daqueles autobuses que levaban viaxeiros no alto, ao aire libre, tapados con lonas para defenderse do frío. Nunha ocasión, sendo eu rapaz, viaxei desa maneira en compañía do meu pai e un amigo seu, que era xuíz. Tiña este o aspecto severo dun home envarado, sempre vestido de escuro. Creo recordar que eu sentía medo na súa presenza, quizais porque un día, cando os meus pais souberon que lle fora á froita ao señor Ramón Bubelo, ameazáronme con levarme ao xulgado.

Naquela viaxe, non obstante, atopeime cun home distinto.Pola conversa, que eu escoitaba en silencio e con atención,souben que o señor xuíz era lambonciño polo lado dos amorodos, o flan e incluso os caramelos. E para maior sorpresa aínda, aprendín que na casa tiña un clarinete. Perdinlle respecto pero collinlle simpatía.

Estes días pasados, en plena crise, escoitei uns empresariosamigos falando da incompetencia dalgúns políticos. Polo medio, na marxe da conversa, citaron tamén un colega que se entretén escoitando por unha radio especial as conversas dos pilotos de aviación cando aterran en Vigo. Sorprendido, un dos contertulios dixo que iso era un avance, pois antes, o citado pasaba as mañás lendo tebeos no despacho. Non o coñezo nada pero seguro que é boa persoa. Por outro lado, un inútil máis, que lle importa ao mundo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xaneirode 1995.