La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Turín, o demo queimou unha señora. Non lle prendeu lume cun misto nin lle incendiou a casa, senón que lle botou o alento. Foi de noite e na cama, ás escuras, mentres a muller durmía. Espertou axitada e nerviosa, sen saber por que, escoitou ruído de cazolas que caían na cociña e cando se quixo erguer para ver que pasaba, sentiu unha tufarada podre que primeiro enchía o cuarto dun aire quente, como calor de verán, e que logo se converteu en lume insoportable á altura do seu pescozo. A pel quedoulle totalmente chamuscada.

O que ten de raro esta noticia non é a actuación do demo, un comportamento do cal hai noticias abundantes ao longo da historia, desde Lutero, que lle tivo que lanzar un tinteiro á cabeza para librarse del, ata santa Mariña, á cal lle dicía parvadas nunha orella para que a santa rise mentres recibía a comuñón.

O sorprendente é que o demo actúe desa maneira en Turín, que é a cidade onde vive, segundo aseguran os expertos. Ata agora, alí só se aparecía nos miles de templos satánicos que tanto abundan na cidade e sempre en son de paz, nunca para facer mal. Mesmo se di que ten amizade con algúns curas e que nin sequera se mete cos que lle fan exorcismos. Tamén é posible que a tufarada da que fala a señora presuntamente atacada non proceda do demo, senón de causa natural. Non é probable, pero tampouco sería imposible.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de xaneiro de 1994 .