La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días pasados que estiven en Madrid para presentar a versión castelá do meu último libro, un periodista preguntoume se tiña algunha teima especial á hora de escribir. Respondinlle sen moito entusiasmo a verdade, é dicir, que escribo sentado nunha cadeira, utilizando un pequeno ordenador portátil, igual que calquera oficinista, normalmente polas tardes, sen música e sen tabaco.

Cando levaba a resposta pola metade, decateime de que o meu interlocutor xa non tiña interese ningún no que lle estaba dicindo. A continuación preguntoume se, no caso de que se producise un incendio no Museo do Prado, e eu tivese que elixir entre salvar un vello de noventa anos, enfermo e alelado, ou un dos cadros de Velázquez, a cal dos dous salvaría. Pasoume pola cabeza a tentación de contentalo dicindo unha burrada, pero non me atrevín.

O resto das preguntas foron parecidas, incluída unha respecto de se me gustaba máis o pan ou as uvas. Cando rematou a entrevista, sentinme unha persoa vulgar e sospeito que esa foi tamén a idea que sacou de min o entrevistador. Debeu ser igualmente esa a razón de que, ao facer as fotos, me pedise por favor que quitase a chaqueta. Nese momento sentín o desexo de que a camisa estivese rota nalgún sitio ou que me saíse da cintura, en plan baldrogas desaliñado. Pois nin esa pequena sorte tiven aquel día.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de xaneiro de 1997.