La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Creo que xa dixen aquí algunha vez que os espías, ó revés do que sucede cos piratas, non me fascinan en absoluto. Aínda recordo a cara de infeliz (lembrábame ó Toñito Patata de Ourense) do xefe dos servicios de intelixencia suecos, cando tivo que testificar no parlamento con motivo do asasinato de Olof Palme. Dixo con xesto compunxido que os axentes eran un desastre, pois en canto os mandaba a algunha misión especial a Londres ou París, perdíanse no metro. Semella cousa de Mortadelo e Filemón. Agora leo que máis da metade da información que Anthony Blunt lle pasou ós soviéticos, estes nin sequera a miraron.

O británico Blunt forma parte da aristocracia dos espías do seu país, brillantes intelectuais de Oxford que traballaron para a URSS. Foron traidores á súa patria, non por diñeiro, senón por ideoloxía. Todos se confesaron marxistas convencidos e, polo tanto, antiimperialistas e antibritánicos. Sen embargo, no caso de Anthony Blunt, polo menos, quedan algúns cabos sen atar, tal como se deduce dunha biografía que acaba de aparecer.

En primeiro lugar, Blunt é un experto en arte de prestixio universal e foi comisario dunha exposición sobre Poussin que se celebrou no Louvre no ano 1960. Polo que respecta ó seu marxismo, debeu ser puramente teórico: unha vez abandonou unha reunión de intelectuais antifascistas porque tiña que tomar o te no seu Club. Por outra parte, os maiores servicios prestados por este home como espía consistiron no invento dun sistema para abrir as maletas dos diplomáticos sen que se notase e na súa extraordinaria capacidade para roubar nos despachos. Eu creo que para descifrar o chamado enigma de Blunt habería que seguir por aí.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xaneiro de 2002.