La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Era un rapaz que non pasaba desapercibido, en parte porque se comportaba dunha maneira bastante teatral, moi estudada. Pasaba as horas no Café Derby, en Santiago, con grosos libros en inglés diante, por máis que eramos moitos os que tiñamos a sospeita de que descoñecía completamente esta lingua. En política situábase nun radicalismo total, que lle permitía, sen moverse do café, descualificar altivamente todo canto facían os seus compañeiros na loita política universitaria. Eu sempre pensei que era un cuco.

Unha vez, despois dunha manifestación convocada na Praza do Toural, en parte instigada por el, sentado no café pola noite dixo que aquilo fora un xogo de nenos, unha actividade inocente, sen eficacia, pois non houbera nin cargas policiais nin detencións. Alguén, nervioso e indignado, chamoulle Capitán Araña.

Era unha boa definición do personaxe. Encaixou a nomeada con desgusto, consciente de que o seu conto lle acababa de ser destripado. Iso non lle impediu moverse despois pola vida, sen renunciar aos grandes incendios verbais, coa habilidade escorregante dunha anguía. Esta xente, que polo demais adoita ser simpática, pon lume arredor de si, pero nunca se queima. Como ese xefe dos chechenos que saíu indemne, el si, da furia  enlouquecida de Ieltsin. Estaba cantando que non ía ser doutra maneira.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de xaneiro de 1996.