La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Desde neno, coñecín varios bruxos e bruxas. A primeira foi unha señora que se alimentaba só da comuñón, como xa contei aquí, e a quen o meu tío Benito, que era republicano e racionalista, lle fixo vomitar unha ración enteira de polbo. O segundo foi un individuo que curaba todo a base de avemarías, gasosa e uns pos secretos, quizais pemento morrón mesturado con azafrán. A este desmontoulle o tinglado un comunista da miña vila que lle deu un  cachete por senvergonza, o día que soubo que se dedicaba a curar o cancro.

En xeral, detrás dun bruxo hai sempre un negocio. Isto vale para todos,  incluído un veciño meu, boa persoa, que se limitaba a receitar xabón, para quitar a roña, e vitamina C, esta comprada obrigatoriamente na farmacia de Milia, en Maceda, como compensación por un favor recibido por don Tomás, sen que este fose consciente.

Ignoro por que a policía non cre que esa señora que detiveron en Tenerife non tivese o propósito de conducir ao suicidio aos seus seguidores. Ela asegura que non tiña tal intención e que a idea de subir ao Teide, onde debía de recollelos unha nave para trasladalos a outro planeta, non pasaba de ser un xogo. Estou seguro de que a bruxa non mente. Se leva gañados trescentos millóns a custa dos seus clientes, non parece razoable que pensase en matar a galiña dos ovos de ouro. A non ser que estivese tola, que non está.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de xaneiro de 1998.